19-05-2008
non confundir con letras galegas (gallegas)
contexto: visita guiada ao castro de elviña.
chove.
participantes: unha parella cincuentona coa súa filla próxima a deixar de ser teenager. galegos dalgún remoto lugar do país no que aínda se fala galego cos fillos. os tres fálano naturalmente entre si e co resto dos visitantes que veñen sendo, ohqtomr e a súa pequena acompañante de catro aniños (o resto da familia quedou na casa por febre provocada por dentición algo tardía + tempo inclemente).
a guía desenvolve o seu traballo en galego.
a pouco de comezar podemos pechar os paraugas. algo despois mesmo apetece quitar os impermeábeis (consecuencias do paseo costa arriba). a peque, claro, é a primeira.
rematado o roteiro, achegámonos ao caseto que teñen alí para encher unha enquisa sobre a satisfacción da visita. como é opcional, decidimos encher entre todos os catro adultos presentes unha soa versión da folla.
a folla está redactada en galego. toma o bolibic a filla da parella antes mencionada.
a conversa sobre a escolla das respostas desenvólvese en galego.
a primeira parte do cuestionario consiste en valorar a calidade da guía marcando cun X nunhas columnas con puntuación. poñémoslle a case todo a nota máxima porque a rapaza meréceo.
mentres todo isto sucede, desenvólvese en humidtown unha manifestación bastante numerosa en defensa da lingua.
a vida parece sorrir.
a segunda parte do cuestionario require redacción.
-como coñeceu esta actividade? -le a rapaza en alto
-chamando ao 010 -contesta ohqtomr
"llamando al 010" escribe ela.
non podía ser todo tan bonito.
chuzame -
remoeuno así o ollo da vaca ás 11:21 na sección sen clasificar


Aquí xa temos case un dito propio para casos así: basta que leves o can á tele para que non faga o truco. Tómao como unha nova aplicación da Lei de Murphy.