pasan e pasan os días e, a pesar de non (poder) postear sobre o asunto, non consigo quitarme do nariz o cheiro a fume.
resulta obvio que o problema xa non é apagar o lume senón determinar por que acende.
cómpre deter (e castigar) (firmemente) a quen acende o lume. pero moito máis importante é, penso eu, saber quen pon os fachos nas mans dos incendiarios. quer dicir: coñecer as causas de fondo que están detrás do lume.
quen prende o lume, quen se beneficia co lume.
os motivos tradicionais do lume galego (pelexas entre veciños, limpeza do monte baixo, aproveitamento do terreo para gandaría) quedan pequenos diante destes lumes tan finamente organizados nos entornos das cidades, nas beiras das vías de comunicación. mesmo a hipótese da ministra non podería explicar máis ca un pequeno feixe de todo este caos.
pillar ao parvo da aldea está tirado. pero hoxe semella evidente que o parvo da aldea pega lume ao monte porque alguén lle pon trinta euros no peto para que o faga.
a pregunta do millón é, xa que logo, de quen é a man dos trinta euros?
eu suxiro tres opcións (non excluíntes, acéptanse candidatos):
- as industrias da madeira
- as industrias da extinción de lumes
- a especulación inmobiliaria
ben sei que é máis doado pillar ao parvo da aldea pero, como se di na miña leira de orixe: "la culpa no es del chancho sino del que le da de comer".

chuzame -