adeus ás maiúsculas

hai alá cinco meses botei a andar este pequeno espazo onde poder deitar os resultados dos meus "remoementos". e fíxeno dun xeito anónimo. parecía que era mellor, neste país pequeno. como que daba máis facilidade para opinar libremente.

suxerinlle ao humano que me traduce os remoementos que usase maiúsculas, cousa que el normalmente non fai, vai ti saber por que. pareceulle ben. era, tamén, un xeito de que non andase todo o mundo a preguntarlle que era a tal vaca de marras.

hoxe o pobre estaba escribindo un mail a unha amiga e decatouse, nun momento, de que empezara a poñer maiúsculas. levou un desgusto, meu pobre...

así que hoxe que case todo o mundo sabe quen son e xa non me preocupa tanto o anonimato, decidín relevar ao humano da obriga das maiúsculas.

todo en minúsculas. que son ben bonitas.

Chuzame! chúzame -

11 remoementos adicionais a “adeus ás maiúsculas”

  1. novembro 30th, 2005 | 12:42

    apertas dende a diáspora, tamén en minúsculas que son moito mais amabeis que as maiúsculas e non serven para berrar.

  2. novembro 30th, 2005 | 9:11

    torredebabel, pracer de recibir a vostede nesta leira.
    :-)
    canta razón ten vostede… e que pouco me gustan os berros.

  3. novembro 30th, 2005 | 12:32

    benvido ó marabilloso mundo
    das letras pequenas
    coma se escribindo en minúsculas
    todo se dixera sempre coa boca pequena
    agardando por máis palabras

  4. novembro 30th, 2005 | 1:04

    á final, teima parva a das maiúsculas. todos somos moito máis felices sen elas…

    e o humano que transcribe agradécemo a cada paso.

    o tipo mesmo preme moitos máis botóns dos requeridos cando manda mensaxes co móbil para que non lle saian con maiúsculas. >hai cada! ;-)

  5. novembro 30th, 2005 | 1:37

    Pois vaime dicir i.a. que é porque nunca me entero de nada da Vida Social Galiñega, pero non teño nin repajolera idea de quén é vostede… aínda que escriba en minúsculas :-D

  6. novembro 30th, 2005 | 1:54

    ah, meu caro pito… iso ten remedio! merque vostede a folla parroquial de humidtown o próximo día 15 de decembro e reclame o libro de balde que a acompaña ese día.

    as súas dúbidas quedarán disipadas.

  7. novembro 30th, 2005 | 2:09

    tampouco, mr. pitou, é que teña que sabelo, einh!

    o que pasa é que, mesmo con maiúsculas houbo que preguntou insistentemente quen era o humano transcriptor (xente coñecida, etc). fose todo con minúsculas e ía ser moito máis complicado escaquear a resposta correcta.

    encantoume ese conto ao paso seu ao respecto do anonimato nos blogs… (”Antes, unha compañeira de traballo preguntoume se tiña un blog…”)

  8. decembro 6th, 2005 | 6:05

    estimado ollo da vaca

    para min esta (a das minúsculas/maiúsculas) é unha interna relación de amorodio.

    hai días que non soporto as maiúsculas. son como un obstáculo no dicir. igual que a puntuación. hai veces nos que a soa idea de meter unha coma me saca de quicio. todo ten que ser moi suave, as minúsculas, a non-puntuación. como un campo nevado.

    pero outros días, póñome quisquillosa. e non poido máis que organizar frases con enormes puntos e aparte, con maiúsculas barrocas, como os contos que empezan “Érase unha vez”.

    en todo caso, creo que, como é o teu caso, gañan as minúsculas sempre, así como creo que se me axeitan mellor os espazos baleiros para dicir o importante.

    pero ten coidado: as minúsculas son nenas moi mimadas. si, así o creo, son caprichosas.

  9. decembro 6th, 2005 | 6:05

    perdoa o rollo

  10. decembro 6th, 2005 | 6:15

    ningún rollo, aquí. agradécese a reflexión compartida.

    ben sei que as minúsculas esixen trato delicado. en realidade as palabras todas esíxeno.

    e, por suposto, o silencio sempre é mellor para expresar o que se sinte.

    como citaba “tío pepín” tan axeitadamente esta noite no cartafol de silencios:

    “Deseaba un silencio perfecto.
    Por eso hablo.”

    que sería de nós sen alejandra que fai fermosa a amargura do silencio.

  11. decembro 6th, 2005 | 6:40

    si
    só ela sabe como extraer a pedra da loucura
    e esculpilo

    (o silencio, claro)

    apertas