Bandeiras e posturas

Leo no blog de Jaureguizar sobre unha mesa redonda que houbo onte e á que non puiden asistir aínda que quixen.

A propósito de dereitos de autor e mais dun comentario de disque lido hai uns días nese mesmo espazo púxenme a pensar na diferencia que padezo decote entre as bandeiras que me gustaría erguer e mais as posturas que adopto diante de determinados asuntos.

Bandeiras:
- A obra artística ao alcance de todos. De todos, todos.
- A defensa da paisaxe limpa. Mellor tardar hora e media a Ferrol se o prezo é unha ponte estragando a ría de Betanzos.
- O traballo libre do escritor, sen condicionantes de corrección política ou de requerimentos de mercado, aínda que o prezo sexa un sistema literario menos normalizado.
- Televisión pública sen lixo, aínda que perda audiencia. E que mais ten se xera déficit.

E moitas outras bandeiras que podería erguer

Posturas:
- O escritor non pode ser o único actor da escena do mercado literario que non ve recompensado o seu traballo (e isto non só inclúe defender os dereitos de autor, senón outras posturas políticamente moito máis incorrectas)
- Cada vez que vou a Ferrol, chego en 50 minutos atravesando a espantosa ponte sobre a ría de Betanzos.
- Colaboro dentro das miñas limitadas capacidades a crear un sistema literario normalizado.
- E penso que hai que quitar partido de Luar, reconducíndoo un algo cara ao obxectivo de construír unha cultura nacional.

E moitas outras posturas que me obrigan a baixar algunhas bandeiras cun sentido práctico, de defender unhas pequenas melloras circunstanciais no medio dun sistema que non me sinto quen de cambiar de fondo.

Asumir o fracaso? Probabelmente. Évos así a cousa.

Chuzame! chúzame -

3 remoementos adicionais a “Bandeiras e posturas”

  1. xullo 14th, 2005 | 2:20

    Por alusións:

    Non é doado distinguir a vitoria da derrota, nin a rendición da loita, nin o ataque da defensa.
    Pense que o problema non é a hora e media, son os 50 minutos, que o fan conformista.
    Saúde

  2. xullo 14th, 2005 | 2:26

    “Conformista” é unha palabra dura e ben aplicada, disque.

    Gustaríame pensar que non o son pero, ao mesmo tempo, afirmar que só é posíbel acadar “melloras circunstanciais” é conformarse con non obter cambios de fondo.

    Mala maneira de afrontar a fin de semana na praia.

  3. Aisa
    xullo 14th, 2005 | 2:33

    E dalle con Luar…, estamos obsesionado/as amigo/a.

    Tamén hai que quitarse de encima esa teima de miararse o embigo permanentemente.

    ¿Que hai que defender a lingua e usala (e usala BEN, non coma moita/as)? Claro.
    ¿que hai que conservar o patrimonio cultural, artístico e musical do país? Evidente.

    Pero que teñamos que estar permanentemente vendo gaiteiros modernizados, folk celta a machada, e marabillosos grupos de danza tradicional catro veces por semana me parece pechar os ollos ao mundo.

    ¿que debemos loitar contra a americanización que o invade todo? Eso por encima de todo…

    …pero cultivar e conservar a nosa cultura non é alimentarse só dela.
    ¿onde está a literatura e o cinema europeos, ou asiáticos? ¿por que non presentar un grupo de danza maorí ou inuit? ¿ou grupos de música hindi?

    Menos “embiguismo” e derrotismo, e máis tirar para adiante, e o Luar FÓRA… porque nunca lle vimos a cara oculta a esa lúa, aínda que lla cheirasemos…, e atufaba a MORTO.